Maside consigue 200.000 euros para reformar o colexio

O subdelegado do Goberno destacou que é o único da provincia que recibe esta axuda do Goberno central
O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, constatou nunha visita ao Concello de Maside que “o Plan de Recuperación do Goberno está a chegar a todo o
territorio” e puxo en valor máis de 200.000 euros que recibirá este municipio para a rehabilitación da antiga escola.
O subdelegado visitou as instalacións acompañado polo alcalde de Maside, José Manuel Iglesias Araujo, e o arquitecto municipal, Óscar Gonfer. O colexio vello de Maside é un dos
beneficiarios da Liña 1 do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (Pirep local), incluído no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).
Despois de presentar alegacións á resolución provisional publicada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma), o Concello recibirá máis de 200.000 euros para a súa rehabilitación e acondicionamento, con obras que inclúen actuacións de eficiencia enerxética e illamento do edificio ou substitución de cuberta e carpintería exterior illante.